martes

A seducción e o engado do exótico. O deserto do Néguev


No segundo día do percorrido polo Néguev, cando nos atopábamos a poucos quilómetros de Eilat, a nosa furgoneta derrapou. Saiu da estrada, e deu seis ou sete voltas sobre si mesma, rebotando nun par de ocasións contra a parede de pedra situada á dereita da estrada. Angustiosa sensación de impotencia a miña, mentres presentía a cada rebolo, a inexorable chegada da Parca. Afortunadamente, coma se nos protexera algún propicio «dxinn» do deserto, e aínda tendo en canta a aparatosidade do accidente e de que fumos repetidamente golpeados por asentos, rodas, maletas e paredes do vehículo, ninguén recibiu máis que uns simples cortes nas pernas e algúns negróns. Mais o transporte quedou inservible, e houbemos de chegar a Eilat facendo auto-stop. Acompañábanme na furgoneta, Shimon, o chofer, Thomas, un rabino húngaro, a súa esposa Esther, e Margaret, unha rapaza inglesa que falaba tamén portugués.

Aquela noite, parcialmente recuperados xa do susto e dos hematomas, Thomas e Esther -admirable muller, pendente sempre de axudar aos demáis- creron conveniente brindar por ter saído tan ben librados daquela terrible proba. En realidade era coma se naceramos de novo. Atopábamonos no hotel «Coral Sea» e celebrábamos o sabath ceando á luz das velas. Erguín entón a miña copa, e, póndome en pe, dixen con certa solemnídade: «Le haim», -Pola vida- un vello brinde xudeu. «Le haim», repetiron eles, visiblemente satisfeitos de que tamén eu o coñecese.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...