mércores

Charla-coloquio en Santiago sobre o mundo clásico e a novela histórica na nosa literatura




TITULO: "Xornadas da U.S.C.: Grecia e Roma en Galicia. Ponencias en xornadas interdisciplinares abertas ao público.

LUGAR: Facultade de Filoloxía, Compostela.

DIAS: Xoves 13 de Febreiro.

HORA: A partir das 16 horas.

ACTUACIÓN: O profesor Xosé Antonio López Silva moderará o acto que versará sobre o mundo clásico e a novela histórica na nosa literatura.                                            




luns

Xoán Bernárdez presenta en Vigo a súa tese doutoral sobre a "Ora Maritima", o documento que recolle as máis antigas referencias escritas sobre o que hoxe chamamos Galicia

"A Ora Maritima" conserva tamén os máis antigos datos que se coñecen acerca do Occidente da Europa prerromana, ofrecendo, así mesmo, datos completamente descoñecidos  sobre a xeografía, a etnografía, a toponimia, e determinados coñecementos históricos, da costa da  Península Ibérica daquel tempo


Unha estela funeraria descuberta hai oitenta anos nas beiras asturianas do río Eo,  chave da identificación dos principais lugares descritos na "Ora Maritima"

A xornalista e escritora Sabela Benárdez Iñarrea presenta o acto que terá lugar na Libraría Andel o xoves 24, ás 20:30 horas

mércores

O extraordinario mundo da "Ora Maritima"

Tese doutoral de Xoán Bernárdez publicada engalego e en castelán.

RESUMO:  Arredor do ano 400 d. C., o procónsul e home de letras romano, Rufio Festo Avieno, compuxo un poema de enorme importancia tanto xeográfica coma histórica. Este traballo, a "Ora Maritima", da que tan só se conservan os seus 713 primeiros versos,  describe unha viaxe maritima que comezaba nun punto situado no Atlántico, ao que denomina "Prominente Monte Oestrymnio, volto cara ao atemperado Noto", ao pé do que "se abre o golfo Oestrymnino e as illas Oestrymnidas, vastamente espalladas e ricas en estaño e chumbo", coas que comerciaban fenicios, tartesios e carthaxineses. A  viaxe chegaba ata o actual Mar Negro, se ben que, a perda dos versos que seguían ao 713, fai que a súa información se deteña en "Massilia", a Marsella de hoxe.

A importancia da "Ora Maritima" reside no feito de que o seu autor, para a elaborar, serviuse de fontes de autores, case que todos gregos, que viviran, na súa maioría, a principios do século VI antes de Cristo, e coñeceron, polo tanto, datos históricos, xeográficos e etnogtráficos anteriores aos que nos deron a coñecer comentaristas posteriores. 

martes

A seducción e o engado do exótico. O deserto do Néguev


No segundo día do percorrido polo Néguev, cando nos atopábamos a poucos quilómetros de Eilat, a nosa furgoneta derrapou. Saiu da estrada, e deu seis ou sete voltas sobre si mesma, rebotando nun par de ocasións contra a parede de pedra situada á dereita da estrada. Angustiosa sensación de impotencia a miña, mentres presentía a cada rebolo, a inexorable chegada da Parca. Afortunadamente, coma se nos protexera algún propicio «dxinn» do deserto, e aínda tendo en canta a aparatosidade do accidente e de que fumos repetidamente golpeados por asentos, rodas, maletas e paredes do vehículo, ninguén recibiu máis que uns simples cortes nas pernas e algúns negróns. Mais o transporte quedou inservible, e houbemos de chegar a Eilat facendo auto-stop. Acompañábanme na furgoneta, Shimon, o chofer, Thomas, un rabino húngaro, a súa esposa Esther, e Margaret, unha rapaza inglesa que falaba tamén portugués.

Aquela noite, parcialmente recuperados xa do susto e dos hematomas, Thomas e Esther -admirable muller, pendente sempre de axudar aos demáis- creron conveniente brindar por ter saído tan ben librados daquela terrible proba. En realidade era coma se naceramos de novo. Atopábamonos no hotel «Coral Sea» e celebrábamos o sabath ceando á luz das velas. Erguín entón a miña copa, e, póndome en pe, dixen con certa solemnídade: «Le haim», -Pola vida- un vello brinde xudeu. «Le haim», repetiron eles, visiblemente satisfeitos de que tamén eu o coñecese.

domingo

No ano do cometa


Edicións Xerais
ISBN: 8475078311.
1ª edición (1987).
.
No ano do cometa, trasládanos á Europa de 1066, cando, trala morte do rei Edward o Confesor, se abre un dos pleitos sucesorios máis sanguentos da historia. A aparición do cometa Halley nese mesmo ano, será interpretada como signo favorable á invasión de Inglaterra planeada polo duque Guillerme de Normandía. Galicia non está exenta desta aventura e na trama xoga un papel importante o intento do rei García de casar cunha nobre saxona. Bernárdez reflecte na novela o ambiente de terror e pánico que se apoderou das Illas Británicas por mor da aparición do cometa Halley, nun tempo no que aínda estaban cercanas as " razzias " do caudillo árabe Almanzor e o sentimento de angustia e apocalepse que o fin do primeiro milenio produciu no occidente cristiano. Bernárdez constrúe a súa novela sobre a base destes feitos reais, reconstruídos tanto a través de estudios realizados por autores modernos, como da análise dos textos contemporáneos, así como da comprobación ocular dos lugares onde aqueles aconteceron.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...