domingo

DOS ALTOS E SUBLIMES CEDROS DO LIBANO, AO CONFÍN DOS VERDES CASTROS

Dos dous lugares que no título deste comentario aparecen mencionados, o primeiro pertence ao grande poeta bíblico Isaías, que profetizou a cabalo dos séculos VIII e VII a. C. Tomado do seu Capítulo II, para maior precisión e comprensión, sintetizámolo agora do seguinte xeito: “Porque chegará o día de Yaveh Sebaot contra todo o arrogante e encomiado, contra os altos e sublimes cedros do Líbano, e contra todas as naves de Tarsish, e a soberbia humana ficará derrubada”.

Nese Líbano que acabamos de mencionar, en parte coincidente co actual país da mesma denominación, existían, aproximadamente xa dende arredor do ano 3.000 a. C. varias pequenas cidades-estado, cananeas, ou semitas, conformadoras do que máis tarde se coñeceu coma pobo fenicio, o cal, malia a cativeza tanto do seu número coma dos recursos cos que contaba, comerciou marítimamente por todos os recunchos do Mediterráneo, en moitos dos cales, e a través de negociacións, conseguíu fundar numerosas factorías, a maioría en cativas illas costeiras, ademais doutros asentamentos, parte dos cales chegaron a se converter en cidades da importancia da tan coñecida e belicista Carthago.

Pois ben, arredor do ano 1.000 a. C., eses itinerantes fenicios traspasaron as lendarias Columnas de Hércules – o Estreito de Xibraltar-, crearon outros establecementos no occidente de Andalucía, coma Gadir, a Cádiz actual, o Castillo de Doña Blanca, ou Onuba, hoxe Huelva, e exploraron a continuación o occidente africano, ata o Ecuador. Así mesmo, arredor do 600 a. C. , e a petición do faraón Nekao II (610-595), realizaron o alarde de circunnavegar este xigantesco continente, deixándonos ao mesmo tempo documentos coa descrición das exploracións atlánticas efectuadas, arredor de século e medio despois, polos almirantes Hannón e Himilcón de Carthago. Máis sorprendentes aínda resultan as numerosas inscricións fenicias atopadas no Brasil, sobre as que se verteu moita tinta, tanto a favor coma en contra da súa autenticidade, de xeito especial da que agora nos imos ocupar, a denominada “Pedra de Ingá”, ou “de Paraíba”. Aínda que se descoñece o lugar exacto no que apareceu, nin por quen foi descuberta, a realidade é que cunha carta do 11 de setembro de 1872, firmada por un certo, e completamente descoñecido, Antonio Alves da Costa, o Presidente do Instituto Histórico e Geográfico Brasileiro recibíu unha copia manuscrita, en caracteres fenicios, de tal inscrición, descuberta no extremo máis oriental do Brasil, que lamentablemente rachara en catro anacos, de xeito que ninguén tivo ocasión de os examinar nunca. Así mesmo, o 23 de abril de 1874 o Direitor do Museu Nacional de Río de Janeiro, Dr. Ladislau Pretto, reproducía esa copia na revista O Novo Mundo. Mais, uns meses antes, o seu texto, que despois de moitas voltas acabara nas mans do orientalista francés Ernest Renan (1823-1892), fora considerado coma unha impostura.

Non acabou sen embargo aquí a cousa. Porque, case que un século máis tarde, no ano 1968, o investigador norteamericano Cyrus H. Gordon (1905-2001), reconsiderando a cuestión, entendeu que a copia era auténtica, e dos contidos da mesma, tirou a conclusión de que a desaparecida gravación da que fora tomada realizárana os membros extraviados dunha expedición de dez naves cananeas, para ser máis exactos, de Sidón, as cales, partindo de Ezyon Guéber, hoxe a cidade israelí de Eilat, no golfo de Akaba, nun posible intento de repetir a circunnavegación de África, se ben que nesta ocasión con intencións nada máis que comerciais, acabaron esparexidas, presumiblemente polos ventos Alisios, cando, unha vez rebasado o cabo de Boa Esperanza, se dirixían ao norte, chegando unha delas a o actual estado de Paraíba, no nordeste do Brasil.

Segundo os datos daquel discutido documento, a expedición debeu de escomezar o seu periplo no ano 19 do rei Hiram III (553-533 a. C.), o que situaría a redacción do seu texto, varios anos despois, xa no Brasil, arredor do 521 a. C.


Copia da inscrición de Paraíba, segundo Ladislau Netto, nás últimas liñas da cal pódese ler :”Pronto chegaremos ao final do noveno, e mesmo do décimo ano da nosa permanencia aquí, onde fai un calor insoportable. . . Non nos queda máis consolo que Baal”.

En canto ao segundo dos lugares que arriba mencionamos, é moito máis recente posto que se debe a Eduardo Pondal Abente (1835-1917), o bardo de Ponteceso. ¿Mais, cal é ese confín dos Verdes Castros por el cantado?. . . Porque, Castros existen en case que toda a fachada Atlántica europea. Con base sen embargo no mapa “Castros of Galicia”, que aparece na obra do ano 2001 de Sir Barry Cunliffe (Portsmouth, 1939), profesor de arqueoloxía da Universidade de Oxford, advértese como este autor indica, por medio de puntos, a situación destas construccións entre a metade de Portugal e a Cantabria, destacando ao mesmo tempo a extraordinaria densidade que das mesmas se da na área do norte do Miño ao Eo, circunstancia que semella indicarnos a máis que posible parte de toda esta cultura á que puido pretender aludir Pondal por medio da súa expresión de “confín dos Verdes Castros”.

A arqueoloxía demostra, ademais, que, entre os séculos VIII e V a. C., foi moi intensa a presencia fenicia en Portugal, detectándose bastantes asentamentos seus en tal territorio ao longo do período. Indicamos a continuación, de sur a norte, algúns deles, como os de Castromarim, Cerro da Rocha Branca, Abú, Almada, ou o de Santa Olaia, o máis setentrional de todos, na foz do Mondego, á altura xa de Figueira da Foz, se ben que algúns deles foron abandonados arredor do ano 500 a. C.. Mais ningunha instalación de especial releve relacionada con este pobo oriental, se descubreu ata o día de hoxe en Galicia, aínda que existan probas da presencia de navíos fenicios nas nosas costas, especialmente nas proximidades das Rías Baixas, cando menos entre os séculos VI e I a. C., ademais de numerosos achados que obrigan mesmo a dubidar que se trataran nada máis que de lugares de escala ocasional. Estamos a nos refirir, por suposto, ás insculturas de Oia, ao norte de A Guarda, que representan inconfundibles embarcacións do mediterráneo oriental, así como os restos fenicios atopados en Santa Trega, o Castro de Troña, A Lanzada, -centro de intercambio comercial claramente integrado xa nas rotas marítimas, dende o VII a. C. ao V d. C.-, Neixón (Boiro), un ánfora púnica na baía da Coruña, e as numerosas moedas feno-púnicas de arredor do ano 300 a. C., procedentes do sur da Península, aparecidas na Estaca de Bares e os seus arredores. Completa esta breve exposición o descubrimento baixo o Museo do Mar de Galicia, en Alcabre, Vigo, no Castro da Punta do Muiño de Vento, dun altar púnico datable nos séculos V-IV a. C. Nas mesmas Rías Baixas son tamén numerosas as Áncoras Líticas, en todo semellantes ás utilizadas no Oriente. Segue sen se poder demostrar, sen embargo, que o espectacular “Muelle fenicio de Aguiño”, en Ribeira, sexa de procedencia semita, coma con tanta insistencia se veu pretendendo. E existe, ademais, moitísima cerámica fenicia, ou feno-púnica, localizada entre o norte de Portugal e as costas de Asturias.


Fotografía da inscultura existente na península de Monteferro, no concello de Nigrán, ao pé do mar. Foi tomada a finais do ano 1986. Nela advértese claramente que os seus non son caracteres gregos, ou latinos, así coma que tampouco se parecen demasiado aos fenicios, cananeos, ou púnicos. ¿Estará acaso redactada por máns líbicas ou ibero-tartesias? . . . Dubidamos tamén que tales signos puidesen ter sido gravados por xentes nórdicas. A realidade é que, ao longo de trinta anos, aínda non fumos quen de atopar a ninguén que nos puidese aclarar este aparente misterio.
Continuando coa cuestión, parécenos importante lembrar agora a desagradable experiencia pola que, en 1996, pasou Georgeos Díaz-Montexano, un investigador e editor cubano, cando identificou coma fenicia unha inscrición coñecida xa dende había algún tempo, á que tivera o atrevemento de datar entre os séculos X e o IX a. C. Segundo relata, a consecuencia desta decisión foi insultado, descalificado e acusado de falsificador, en base a que “según los expertos, principalmente gallegos, era imposible que los fenicios hubiesen llegado a Galicia, ni siquiera de paso”. Este mesmo investigador descubreu, algo máis tarde, no “Monte de Chaos”, en Antas de Ulla, no interior do país, outra inscricíón, ésta púnica, do século II, ou I a.C.
Dos fenicios sabemos que comerciaban con cerámica, alfareiría, escarabeus, alimentos, roupa, tintes, púrpura, obxectos manufacturados, metais preciosos, vidro, xoias, marfís orientais, e outros productos. Mais había algo que, segundo nos lembra a “Ora Marítima”, os motivara con máis empeño que ningunha outra cousa: o estaño, un mineral con importantes aplicacións, pero que tan só era posible de atopar en contados lugares, e do que a principal veta europea, tal como indican tanto Barry Cunliffe coma moitos outros investigadores, expallábase dende a nosa Costa da Morte, polo cabo Fisterra, e as Rías Baixas, ata actual provincia de Zamora. Na existencia deste mineral debe ser onde descansou o interese fenicio polo daquela remoto confín dos Verdes Castros. A favor deste punto de vista xoga o feito, tamén coñecido por antigos cronistas, de que, no ano 350 a. C., o estaño custaba aínda catro veces máis que a prata. Teñamos, pois, a honradez de recoñecer os méritos históricos do pobo fenicio, que, ademais de canto vimos de comentar, aportoulle á cultura universal o admirable agasallo da súa escritura alfabética.
(Publicado en extracto no número 199 da revista “Encrucillada”. Outubro de 2016)





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...