
Á marxe tamén dos eclesiásticos e dos nobles que, por ter acadado altos cargos na corte, ou dos que se exiliaron por causas políticas, Galicia padeceu tamén, neste caso por acuciantes problemas económicos, as primeiras grandes emigracións, tanto cara a outras partes da península, como aos países americanos, especialmente coa chegada do Absolutismo do século XIX, a desaparición da Xunta de Galicia, e a imposición da artificiosa división provincial de 1833. A revolución militar de 1846, que rematou cun baño en sangue ao longo dos combates que se deron nos arredores de Compostela e os fusilamentos de Carral, foi o preludio do nacemento do que se deu en chamar “O Rexionalismo”, que desembocou en 1891 nunha Asociación de Rexionalistas, presidida por Manuel Murguía, que publicaba a revista “Patria Gallega”. El, e outros persoeiros, actuaron de inductores e catalizadores dos múltiples movementos galeguistas, autonomistas e nacionalistas do século XX, que conseguiron a reconstitución da Xunta, e non perseguían outra cousa ca rexeneración cultural, política e económica do país.
En canto ás nosas colonias en América tenderon sempre a agruparse en sociedades que reproducían a organización da patria, por freguesías, concellos ou partidos xudiciais, non só para se axudar entre si, senón tamén para soster obras benéficas e culturais, tanto no país de acollida como na propia Galicia. Ademais dos Centros Galegos e das actuacións asistenciais, crearon tamén unha prensa propia, realizaron unha admirable actividade cultural e política a favor da súa terra de orixe, publicaron xornáis, e sosteñen programas de radio tamén propios. A estes emigrados sumáronselle, en 1936, os exiliados políticos e, máis tarde, a grande vaga de traballadores que marchou a Europa.
Sen perder de vista estes datos, pasemos agora a considerar o proceso histórico do pobo hebreo, xudeu ou israelí, expresións que imos considerar como sinónimas, porque, se ben que existen certos ilustrados capaces de afirmar que o galego non é un pobo, tamén os hai que lle negan tal cualidade ao dos xudeus.
Entre os anos 132 a 135 Shimon Bar Kochba dirixíu a meirande rebelión do seu pobo contra Roma. Calcúlase que nela perderon a vida arredor de un millón douscentos mil hebreos. Os demais foron botados fóra da súa patria e Xerusalén aterrada, mudándoselle o nome polo de Aelia Capitolina. Este feito sinala o comezo da grande dispersión dos xudeus polo mundo.
A partir deste intre, a situación da Palestina, ou Eretz-Israel, como a denominaron sempre estes, mudou continuamente, pasando polas mans de persas, bizantinos, árabes (638), Cruzados (1099), e mamelucos (1295), ata que, no ano 1517, foi conquistada e integrada no imperio turco, que a ocupou ao longo de catrocentos anos.
Preto do final da Primeira Guerra Mundial, (1917), as terras do Oriente Medio pasaron a control dos aliados, que crearon con parte delas un mandato a favor da Gran Bretaña.
Mais, antes dese momento déranse no mundo feitos de auténtica relevancia respecto ao que nos está a ocupar.
Xa a mediados do século IX (1855), o período no que se inciaron, ou acentuaron, os movementos nacionalistas no mundo, a comunidade xudía de Xerusalén mercou algunhas terras e comezou a facelas fructificar.
Tres anos despois, Mose Montefiore construía na parte occidental da mesma cidade o seu primeiro barrio extramuros, e realizaba a plantación de laranxeiras nas inmediacións de Yaffo, ao tempo que o barón de Rothschild adquiría tamén máis terras.
O detonante destas actuacións foi Mosses Hess, compañeiro de xuventude de Marx e Engels, quen, na súa obra “Roma e Xerusalén” (1860), exhortaba aos seus a movilizarse a prol do establecemento dun estado xudeu na súa patria ancestral, seguindo outros movementos semellantes, que entón se estaban a dar, de xeito especial o do nacionalismo italiano. A idea veuse favorecida polo antisemitismo e as vandálicas persecucións que se deron en Europa nos decenios 1870-1880. Como consecuencia, os xóvenes intelectuais xudeus preconizaron o retorno á patria, á que enviaron observadores para comprobar se era certo que se tratada da terra desolada, e chea de brañas e marismas da que se viña falando.
Á Alianza Israelita Universal débese, en 1880, a fondación, nas inmediacións de Yaffo, da Escola de Agricultura Kikveh Israel, mentres que, en 1884, corenta representantes de diversas orgaizacións dos Hovevei Tzin, “Amantes de Sión”, axuntados en Katowice, entón parte de Alemania, postularon a necesidade da colonización agrícola da terra dos seus devanceiros. Lamentablemente os primeiros inmigrantes deste período atopáronse coas dificultades e as inclemencias daquel país, que no século XIX distaba moito de ser a “Eretz zavat halav Udvásh”, “A Terra do Leite e do Mel”, da Biblia, e nada máis poideron subsistir grazas á axuda do barón de Rotshchild.
A expresión Sionismo, xurdida en 1886, débese a Nathasn Bribaum. Trátase dun movemento social e nacionalista, cuxa finalidade non era outra que a reconstrucción da patria xudía. Esta denominación está tomada de Sión, o outeiro sobre o que se asentara a primitiva Xerusalén bíblica, situado ao sudoeste do monte do Templo. Alí atópase aínda o cenotafio do rei David, e, aos seus pés, a famosa condución de auga construída por Ezequías hai máis de 2700 anos.
Inmediatamente despois, Asher Guintzburg, auténtico lider do sionismo espiritual, considerou, cara a 1891, que o que necesitaban os xudeus era un Centro que fortalecese a súa conciencia nacional.
Pouco máis tarde (1896) aparece en escena Theodor Herzl, o meirande activador do movemento, quen en 1896 publica “Die Judenstaat”, “O Estado Xudeu”, unha obra de pouco máis de 100 páxinas coa que ataca o antisemitismo ao tempo que teima na idea da consecución dun estado xudeu. O seu foi xa un sionismo político e diplomático. Creacións del foron a “Sociedade dos Xudeus”, a “Compañía Xudía” e o “Fondo nacional” destinado á adquisición de terras para a
colonización. E aínda que non conseguíu a axuda da maioría dos banqueiros e dos potentados xudeus, non só non se botou atrás, senón que tirou o xornal “Die Welt” “O Mundo” e, en agosto de 1897, orgaizaba en Basilea, Suiza, o Primeiro Congreso Sionista mundial, ao que asistieron douscentos delegados de todo o mundo. Del, entre outras cousas, saíron a bandeira do actual estado de Israel e o seu himno, “Hatikvah”, “A Esperanza”.
“O Sionismo –afirmouse alí- ten como fin crear para o pobo xudeu un fogar na Palestina garantizado polo derito público internacional.”
“En Basilea –escribiu entón Herzl- fundei o Estado xudeo. Se dixese isto publicamente agora, responderíame unha gargallada universal. Quizais dentro de cinco anos, e con seguridade dentro de cincuenta, comprenderanme todos”.
“!Somos un pobo¡ O enemigo fai que o sexamos, aínda que non o quixésemos. Así foi sempre na historia”.
Como xestións preparatorias para obter dos gobernos o consentimento necesario para acadar o seu obxectivo, Herzl visitou todas as capitais europeas, e sostivo entrevistas co kaiser Guillerme II, co sultán turco Abdul Hamid, e con outras significadas autoridades, aínda que sen resultados positivos.
Nese momento había xa no país letreiros nos que se lía “Daber ivrit”, “Fala Hebreo”, do mesmo xeito que, hai corenta anos, miles de coches levaban na nosa terra a pegatina “Fala Galego”, ideada por Camilo Nogueira.
Cando Herzl morreu en 1904, aos 44 anos de idade, logo de facer unha simbólica entrada en Xerusalén a lombos dun burro, esistía xa unha rede de federacións sionistas en todos os países. O seu mausoleo, un túmulo de mármore negro, atópase nunha lomba dende a que se pode contemplar toda a cidade Santa.
Na visión profética deste home tan só se equivocou nunha cousa: que consideraba que Israel non ía ter necesidade máis que dunha simbólica garnición militar, xa que agardaba que poidese vivir en paz cos seus veciños.
Pouco despois da súa desaparición, en 1909 foi fundado o primeiro kibbutz nas beiras do lago Xenesaret, no que, máis tarde, nacería Moshe Dayan, o xeneral do parche o ollo. 1909 é tamén a data da fundación de Tel Aviv, a primeira cidade xudea, nas desoladas dunas situadas ao norte de Yaffo e o bordo dos palúdicos cenagais da chaira litoral, co tempo a máis populosa poboación de Israel. Antes do comezo da Guerra Mundial (1914), a que serviu para botar aos turcos do país, había xa nel 14 kibbutzim. Ao longo dela, e para conseguir o seu apoio, os británicos prometéronlle aos árabes a independencia, e en 1917, aos xudeus, a creación dun fogar nacional, por medio da declaración Balfour, que non excluía a existencia doutro árabe.
Ao mesmo tempo que se fundaba a Banca colonial xudea, e o Fondo Nacional Xudeo, os colonos introducían novos métodos de cultivos e unha incipiente industria, e fixéronse cargo dos servicios de transporte e da rede bancaria, o que elevou considerablemente o nivel de vida do país. Estas melloras e as debidas á administración británica, a partir de 1917, promoveron tamén unha importante inmigración de árabes procedentes dos países veciños.
En 1919 había un entendemento total entre o movemento sionista e o emir Faisal, lider do nacionalismo árabe, que permiteu un rexurdimentop literario e político de ambas partes. Desaparecido o emir da escena política ao ano seguinte, comenzaron os graves enfrontamentos entre as dúas comunidades, que os británicos non conseguiron deter.
A inmigración hebrea posterior foi alentada polo Movemento Sionista e a Axencia Xudía, e propiciada polas persecucións de Hitler, que levou ao país alumnos das universidades austríacas, alemanas ou checas, entre eles uns mil médicos, cincocentos inxenieiros, máis de mil licenciados en dereito, filosofía e literatura, e máis de dous milleiros de técnicos en química, física, mecánica e agronomía.
O Histadruth, foi a orgaización financiera, sindical, comercializadora de productos e impartidora de ideología. Realizaba explotacións agrícolas de alto nivel de competitividade, adquiría terras, e asentaba aos recén chegados. Arredor de Xerusalén había o doble de escolas xudeas que árabes.
Como consecuencia da continuación dos enfrontamentos entre árabes e xudeus, Gran Bretaña considerou, en 1938, a necesidade de constituir dous estados, un xudeu e outro árabe; o dos primeiros ocupando unha ínfima parte do territorio. O plan da Axencia Xudía dese mesmo ano incluía neste a Galilea, no anterior reservada nada máis que para os árabes, así como un corredor ata a Xerusalén occidental, na que vivían cen mil xudeus, e deixaba para a Gran Bretaña o Neguev e a Cisxordania actuais.
Convén que lembremos agora que, en 1945, os xudeus xa mercaran arredor de dous millóns de duhums de terras, o que equivalía a uns 2.000 km2., aínda que non precisamente as de mellor calidade. Pois ben, no reparto efectuado pola ONU, en novembro de 1947, o que mellor se axeitaba aos límites étnicos do país, Israel recibía 14.200 quilómetros cadrados, dos que uns 12.000 correspondían ao deserto do Neguev, e os demais eran as terras xa da súa propiedade. Mais perdía algúns pequenos enclaves, que ficaban nos 11.383 km2 que lles correspondían aos árabes, así como a Xerusalén occidental, que se convertía nunha zona Internacional. Israel aceptouno. Os árabes rexeitárono abertamente, e iniciaron xa nese mesmo momento unha guerra de guerrillas.
Na noite do venres 14 de maio de 1948, mentres os británicos abandonaban o país, Ben Gurión deu lectura á declaración de independencia pola que o pobo hebreo restauraba a súa soberanía política sobre unha parte da terra de Israel. Exipto, Siria, Libano. Iraq, e Transxordania iniciaron entón a invasión.
Seis meses despois remataba esta primeira guerra, coa derrota dos cinco países atacantes. O armisticio da mesma firmouse na illa de Rodas a comezos de 1949. Os árabes, a non ser Irak, comprometéronse nel a manter a paz, non preparar agresións contra as forzas armadas nin a población civil da outra parte firmante, e a non violar as novas liñas fronteirizas, que agora abranguían algunhas terras que, no reparto inicial, non lle corresponderan a Israel. Compromisos que os árabes nunca cumpliron e seguen sen cumplir. Exipto anexouse entón a franxa de Gaza, e Transxordania, Xerusalén e a Cisxordania, pasando a denominarse Xordania.
Israel foi recoñecido de iure, e de facto, tanto pola asamblea das Nacións Unidas, como por 95 das 121 nacións que entón integraban a ONU, o que coloca fora de calquera discusión a súa legalidade, xa que, en Teoría Política, a lexitimidade dun Estado descansa na súa propia existencia. E Israel existe. Mais coa súa independencia, o estralo do nacionalismo árabe fixo fuxir dos seus países a máis de 600.000 xudeus que, levando nada máis que o posto, foron acollidos neste novo Israel.
Nos sesenta anos que viñeron despois a situación non mudou substancialmente. Houbo outras guerras, iniciadas sempre polos árabes, que de nada serviron para arrancar esta; incrementouse a inmigración, e o país continuou o seu desenvolvemento agrícola e industrial. Os kibbutzim, e os moshavim, granxas colectivas, gandeiras, defensivas e agrícolas, que mesmo utilizan a electrónica para regar, teñen agora actividades tamén industriais. Algúns explotan canteiras, flotas de camións, fábricas de pintura, outras de pasta de papel, ou realizan traballos de óptica e contan con albergues. A familia é a peza fundamental delas. E cadansúa posúe escola, biblioteca, piscina, parques, zona deportiva e museu arqueolóxico.
O que máis impresiona na actualidade a quen visite este país, antes árdigo, e lamacento, é a resposta que se obtén cando se pregunta cal é a fronteira. “Onde acaba o verde. Máis alá xa non é Israel”.
Porque, ademais das moitas brañas desecadas, hoxe convertidas en farturentas chairas, as súas terras pedrallentas son agora productivas. Mesmo os arredores do lago Xenesaret ofrecen admirables e úbedos campos de labor, obtidos polo simple proceso de desviar os regatos salobres alí existentes. Neles a xenética permite cultivar plátanos de coores, e duplicar a producción de mandarinas por hectárea. A beira do mar hai salinas e estanques para criar peixe.
O ordeamento do pais e admirable: edificios, en xeral, de dúas ou tres plantas, con placas solares para enerxía, pobos situados nos outeiros para non ocupar terras de labor, millóns de piñeiros plantados nos puntos pedroguentos, como xeito de evitar a perda da pouca terra que existe, auga que chega a todas as partes conducida por tuberías, que impiden a evaporación.
Ademais dos moitos santuarios das tres relixions que amosa o país, na Universidade Nova de Xerusalén, e baixo unha domo de porcelana, é posible contemplar o Museu do Libro, cunha parte dos documentos de Qumram, as 15 cartas de Bar Kochba, e o libro de Isaías, colocados no interior dunha ánfora de vidro capaz de soportar unha explosión atómica. No alto do monte das Oliveiras, sobre os restos do vello santuario “Eleona”, visitado pola nosa paisana Egeria, a fins do século IV, pódense admirar hoxe as reproducions do Pater Noster en numerosos idiomas, entre eles, dende 1985, tamén o Galego.
Do inicialmente considerado estéril deserto do Neguev tira agora Israel potasio, cloruro de magnesio, cobre, ferro, fosfatos, uranio, gas natural, xeso, granito, asfalto, caolín e diversos productos agrícolas, ao mesmo tempo que aclimata nel avestruces que dan 50 ovos de dous quilos ao ano, e pel e carne sumamente apreciadas, así como cabras do deserto do Kalahari, e de Chipre, estas capaces de beber auga salobre. Neste mesmo ermo estase a tratar de introducir árbores de laboratorio capaces de se adaptar aos escasos 93 mm. anuais de chuvia que alí se recollen.
No Neguev hai agora diversas e pequenas vilas de nova construcción, defendidas das tormentas de area por un cinto de árbores, así como marquesiñas de vidro, tanto nas estradas como nas estacións de servizo, con aire acondicionado e música ambental, mentres que a reserva de Hai Bar ofrece á contemplación do visitante toda a fauna bíblica.
Son admirables os logros que alí se poden observar, a pesar da escaseza tanto de auga como de terras. É posible que algúns pensedes que Galicia non pode incrementar o seu escaso benestar. Mais, a realidade é que temos competencias e recursos suficientes para pór o noso país auténticamente en marcha. Dende logo, se reflexionades sobre o que acabamos de comentar, moitos mais dos que contaba o pobo xudeu cando escomezou a levar a practica o seu vello soño.











